Editorial #3


A área urbana da Coruña mostra, ao igual que as restantes cidades do Estado os efectos da crise financeira no seu tecido urbano. Ducias e ducias de edificios a medio construír, moitos outros abandonados, estruturas baleiras, solares vacantes, equipamentos ou urbanizacións subutilizadas conforman unha paisaxe que se asoma na nosa cidade configurando unha paisaxe urbana que nos anuncia a implantación dunha sociedade que non nos gusta. Unha sociedade onde as desigualdades sociais son aplaudidas, as persoas perden a súa condición de cidadáns para ser meros consumidores. O espazo urbano se transforma nunha mercadoría, controlada por axentes que non teñen cara. Nin afectos.

Esta é a cidade das CASAS SEN XENTE e da XENTE SEN CASAS.

Practicamente calquera tipo de edificio ten recibido o impacto da crise. Sexan os privados ou os públicos. En calquera punto da cidade. Deixase ver así que a crise non só desbaratou o sagrado dereito ao teito senón que afectou mesmo ás arquitecturas e ás infraestruturas que soportan o estado social do benestar. Centros sociais e educativos, as arquitecturas do automóbil, os edificios militares, os comerciais e os do ocio engrosan un listado de vítimas no que as construcións industriais fora de uso acadan un triste protagonismo xunto coas residenciais.

Son moitas as crises que aquí se superpoñen. Por unha banda temos presente a indubidable crueldade da crise financeira de 2008, que descapitalizou á banca e ao estado mesmo e arrastrou á ruína a centos de miles de familias. Mais esa crise en Galicia amplificou os efectos doutras crises previas, non resoltas. A silenciosa crise demográfica que nos ven desangrando, a agonía do mundo agrario tradicional e o impacto da globalización e das políticas industriais e agrarias globais sobre os nosos tecidos produtivos tradicionais: o mar e a agricultura.

Non se pode deixar de apuntar aquí a alta relevancia que neste proceso tivo a crise política que a cidade e Galicia padecen desde tempos difíciles de precisar. A moi feble capacidade de goberno e moi especialmente a ausencia de modelos de pais que foran socialmente aceptados conduciron a este pais e a esta cidade no medio da tormenta ao pé da rompente. As ruínas do tranvía turístico, os diversos centros comerciais abandonados ou semibaleiros, o colosal fiasco do complexo residencial Costa Miño e mesmo o campus universitario inconcluso tras vintecinco anos de andadura demostran que o modelo de cidade que desde algún despacho foinos dado era inconsistente e nada resiliente.

“Empty Coruña?” é un esforzo colectivo, holístico, enraizado na universidade da Coruña que pon encima da mesa dúas preguntas: Como cheganmos aquí? e Cara onde vamos?

Pedimos nesta nosa viaxe a Itaca que o camiño sexa longo e nos conduza a portos nunca vistos.


Plácido Lizancos,
A Coruña 2018







 

 


Mark